Como atender a crecente demanda de postos de traballo no sector tecnolóxico

  • O ponferradino Orestes Carracedo, cofundador de Lighthorse e Navigo, ambas con sede en EEUU, impartiu hoxe unha charla na XGN R Encounter, na que recomendou desenvolver as habilidades e as competencias dos profesionais do sector tecnolóxico, e non tanto pola acumulación de coñecementos sobre as ferramentas informáticas, para lograr expertos máis competentes e eficaces
  • A empresa Navigo, creada por Carracedo xunto a outros dous desenvolvedores de Estados Unidos e Reino Unido, creou unha aplicación que permite solicitar axuda urxente dende países en situación de alto risco, aínda que non exista acceso a Internet, unha ferramenta especialmente recomendada para ONGs. “É unha satisfacción crear un sistema de alerta grazas ao cal basta pulsar o botón para que veña un helicóptero para salvarte. Grazas ao noso traballo téñense salvado vidas”, apuntou o desenvolvedor
  • A XGN R Encounter, que conta co apoio da Consellería de Política Social e con R como empresa patrocinadora e colaboradora, ofreceu talleres e conferencias gratuítos para fomentar a divulgación do coñecemento tecnolóxico e hoxe celebra a segunda xornada desta edición no recinto Feira Internacional Galicia ABANCA de Silleda

Silleda, 12 de outubro de 2019.- Ante a crecente demanda de expertos para o sector tecnolóxico en España debe apostarse por desenvolver as habilidades e as competencias dos profesionais, e non tanto pola acumulación de coñecemento sobre as ferramentas informáticas, para lograr así equipos máis competentes e eficaces. Orestes Carracedo, cofundador de Lighthorse e Navigo, ambas con sede en EEUU, impartiu hoxe unha charla na XGN R Encounter, recomendou apostar polo sistema educativo, reforzar a formación tecnolóxica dos docentes e favorecer que os estudantes aprendan a través da realización de proxectos que sirvan para aumentar as súas competencias para o traballo en equipo.

Son moitos os estudos, tanto nacionais como internacionais, que insisten na necesidade de aumentar o número de traballadores especializados en novas tecnoloxías. De feito, este ano quedáronse sen cubrir en Europa 900.000 postos de traballo, segundo datos da patronal DigitalES. E todo apunta a que as necesidades seguirán crecendo no futuro.

Na súa conferencia, Carracedo, desenvolvedor que traballou en numerosos proxectos internacionais, asegurou que en Galicia e en España hai moitísimos profesionais cunha alta capacitación, que poden acceder a postos de traballo en remoto de gran valor e ben remunerados. Ademais, percibe tamén moito interese por construír unha comunidade na que intercambiar coñecementos e asesorar aos recentemente chegados: “Creo que como sociedade estamos a demostrar que queremos mellorar, e hai moitísimo potencial de crecemento”.

“Os desenvolvedores cambiamos vidas”

A aquelas persoas que estean interesadas en formarse no ámbito tecnolóxico, Orestes Carracedo recomendoulles sumarse a un colectivo de profesionais cos que intercambiar experiencias, e comezar por unha pequena empresa para ir desenvolvendo a súa carreira. E animounos a buscar na internet formación especializada de alto valor, “porque temos a sorte de que hai moitísimas opcións de aprender”.

Na súa charla, tamén destacou que as empresas non demandan profesionais cun determinado nivel de coñecementos sobre as ferramentas informáticas, senón que valoran sobre todo as súas capacidades e habilidades. E en consecuencia, subliñou que os títulos dunha universidade concreta xa non teñen tanto valor: “O que lles importa é que demostres a capacidade para asumir retos, que abordases a solución a un problema ou formases parte dun proxecto”. Doutra parte, entre as vantaxes do sector tecnolóxico, destacou que ofrece contratos ben pagos, sustentables e que permiten traballar de forma deslocalizada, xa sexa dende a casa ou mesmo mentres se viaxa polo mundo.

O experto en programación quixo achegar exemplos inspiradores de como os desenvolvedores poden cambiar vidas, e explicou que a súa empresa Navigo, fundada xunto a dous profesionais de Estados Unidos e Reino Unido, creou unha aplicación que permite solicitar axuda urxente dende países en situación de alto risco, aínda que non se teña acceso a Internet, polo que se converte nunha ferramenta especialmente recomendada para ONG´s. “É unha satisfacción crear un sistema de alerta grazas ao cal basta pulsar o botón para que veña un helicóptero para salvarte. Grazas ao noso traballo téñense salvado vidas”, apuntou.

A XGN R Encounter, que chega hoxe ao seu segundo día de celebración, conta co apoio da Consellería de Política Social, impulsora do evento, e con R como empresa patrocinadora e colaboradora, e ofrece ata hoxe na súa zona Extranet talleres e conferencias gratuítos para fomentar a divulgación do coñecemento tecnolóxico. O evento, que conta ata mañá con preto dun milleiro de participantes na súa Intranet e unha velocidade de conexión a internet de 20 Gbps, forma parte da rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose no País Vasco desde hai máis de 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.

 

Organiza

Fundación Semana Verde de Galicia

Voz:

986 577000 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

info@xgnrencounter.gal

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 609 12 16 66
E-mail: press@euskalencounter.org
 
Silvia Regal. Fundación Semana Verde de Galicia
986 577000 / 669 840532

 

Localización

twitter facebook